Máis de 30 persoas convértense en Pontevedra en educadoras de ciencias con robótica

venres, 22 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Até 31 persoas están a participar estes días no curso Ensinar ciencias con robótica, programación e produción de contidos multimedia para o encerado dixital, inserido no programa de cursos de Extensión Universitaria da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra para este verán. A actividade formativa, que se desenvolve dende comezos de xuño na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, capacita aos docentes para converterse en creadores reais de tecnoloxías e enxeños intelixentes e, tamén, en educadoras/es adestradas/os en innovación e colaboración. Trátase, de feito, dunha actividade que alenta o espírito maker (argalleiro) que todas e todos levamos dentro, pero aplicado ao día a día das clases.
Dirixido polos docentes María Álvarez Lires e Uxío Pérez e impartido por Xabier Álvarez Lires e María Lorenzo, este taller busca achegar ao alumnado dos graos de Educación Infantil e Educación Primaria a novos recursos para ensinar ciencias. Tecnoloxías que van do deseño de actividades para o encerado dixital a aprender a programar xoguetes tecnocientíficos como os sets de robótica educativa Lego We-Do e Lego e-Lab, o robot emocional Aisoy, o robot Sphero (novidade nesta quinta edición do curso, un enxeño que permite ao alumnado traballar con elementos programábeis desde dispositivos móbiles), ou o kit Go Robot Mouse (outra novidade), un recurso de iniciación concibido para crianzas de Educación Infantil.
Unha das pedras de toque do obradoiro está a ser a elaboración de maquetas con temáticas relacionadas coa contorna próxima dos participantes e que estes deben deseñar empregando materiais reciclados. Nestas maquetas, o alumnado ten que integrar algúns dos robots e xoguetes interactivos abordados nas diferentes sesións co propósito de favorecer así unha reflexión “sobre como podería usalos na clase para o que o alumnado aprenda”, como explica o responsábel do obradoiro, Xabier Álvarez. Deste xeito entre os proxectos finais que esta semana se presentan figura tanto unha recreación da ponte de Rande baixo a que pasa un barco impulsado por unha batería que se carga con enerxía solar, como unha granxa dotada dun tractor ou unha recreación da Illa das Esculturas completada cun muíño que tamén move a enerxía solar.

PUBLICIDADE