Máis de 250 establecementos de toda a nosa xeografía colaboran na recollida de apoios da iniciativa Xabarín

luns, 19 de outubro do 2020 Fernando Sarasketa

A Mesa pola Normalización Lingüística informou do comezo da recollida de sinaturas para a iniciativa parlamentaria popular Xabarín. Na campaña están a colaborar máis de 250 establecementos de todas as nosas comarcas, recadando rúbricas para a dita iniciativa parlamentaria que, como lembraremos, busca mellorar a programación infantil e xuvenil en galego e acompañar estas melloras cunha aplicación móbil da TVG con contidos de calidade na nosa lingua.
A web da Mesa recolle nun mapa a localización dos puntos de recollida de sinaturas, co obxectivo, en palabras da plataforma, de «facilitar o labor das persoas que queiran apoiar a petición de que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade nas televisións públicas a través dunha canle Xabarín, con programación atractiva, actual, educativa e de produción galega dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñíbel en todas as plataformas dixitais, así como nunha app actualizada que conten ademais con programas e xogos».
A proposta tamén insta ao Goberno galego a «adoptar as medidas e accións precisas para garantir a opción dobrada e subtitulada ao galego nas plataformas dixitais e que TVE emita con opción dobrada ao galego todos os contidos da súa canle infantil e xuvenil e da súa aplicación móbil para o público infantil». O Goberno galego deberá tamén adoptar as medidas necesarias que permitan a recepción mutua RTP - TVG en Galicia e Portugal segundo o contemplado na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias.
A petición, que reuniu a través da web preto de 15000 sinaturas, chega deste xeito á fase de recollida física de apoios, «imprescindíbel para o trámite parlamentario», explicou a entidade impulsora da iniciativa.

PUBLICIDADE