Máis de 242.000 liñas novas de telefonía móbil no mes de xuño

venres, 5 de agosto do 2011 Fernando Sarasketa

Para quen cría que a telefonía móbil non podía medrar máis, sobre todo porque se deben contar cunha soa man os galegos que non teñen aínda este aparello, aquí vai un dato a ter en conta: a telefonía móbil gañou 242.385 liñas no mes de xuño, que, a xuízo da Comisión de Mercado das Telecomunicacións, é a mellor cifra acadada neste eido no que vai de ano. Isto, entre outras cousas, significa que o parque de liñas incrementouse até os 55,26 millóns. Por operadoras, quen se levou o mellor anaco do pastel con estes números foron os operadores móbiles virtuais e máis Yoigo, confirmando a tendencia ascendente dos meses previos e operando, de novo, como foco de atracción para quen está farto de manter tratos coas grandes compañías. Amais disto, entre todas as cousas do sector que soben e medran temos que salientar tamén a fibra óptica, que foi obxecto no mes de xuño de case 11.000 altas netas de FTTH.
Estes datos, que se poden ler na súa versión completa en formato pdf, confirman tamén a tendencia descendente de firmas que considerabamos intocábeis, como por exemplo Vodafone e Movistar, que perderon 6.670 e 8.990 liñas, respectivamente. Volvendo á banda larga, dicir que neste intre o parque de liñas está nos 10,89 millóns, logo das 14.651 altas netas do mes de xuño, das que case 11.000, como dixemos, foron de fibra óptima até o fogar, na súa meirande parte de Telefónica. E continúa o informe: “Malia este bo dato para Telefónica, a operadora rexistrou un retroceso nos seus clientes totais de banda larga por tecnoloxías xDSL e, no cómputo global, perdeu 31.270 liñas”.

PUBLICIDADE