Máis de 2.000 espectadores do exterior achegáronse ao cine galego a través do ciclo Mestre Mateo

mércores, 28 de decembro do 2022 Redacción

O secretario Xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo unha reunión hoxe co presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra, no que se fixo balance do programa do ciclo de cine Mestre Mateo que puideron gozar os espectadores do exterior a través da colaboración de ambas entidades con oito centros de América, Europa e resto de España. Na xuntanza estiveron presentes tamén a subdirectora de Relacións coas Comunidades Galegas da Secretaría Xeral, Isabel Pellicer, así como o director da Academia Galega do Audiovisual, Miguel Mariño Lamas.
En total, máis de 2.000 espectadores residentes en Alemaña, Gran Bretaña, Venezuela, Arxentina, Uruguai, Andalucía, Cataluña e Madrid puideron coñecer o cine galego da man desta iniciativa que continuará no 2023, cos novos documentais e películas finalistas e gañadores dos premios Mestre Mateo do próximo ano.
Esta iniciativa xurdiu a comezos deste ano a través dun acordo entre a Secretaría Xeral da Emigración e a Academia Galega do Audiovisual co obxectivo de achegar o cine feito en Galicia, e en concreto, os finalistas e premiados dos premios Mestre Mateo aos galegos do exterior a través de oito entidades.
Antonio Rodríguez Miranda quixo destacar o esforzo dos centros galegos do exterior que colaboraron na posta en marcha desta iniciativa, “xa que sabemos que fixeron un importante esforzo por animar a colectividade e aos cidadáns en xeral daquelas cidades a coñecer o noso cine, organizar as proxeccións e darlle difusión”. En concreto, en 2022 participaron o Instituto Argentino Gallego Santiago Apóstol de Bos Aires, o Centro Gallego de Montevideo, a Hermandad Gallega de Venezuela, o Centro Galego de Londres, a Asociación Cultural Galega De Berlín Son, o Centro Gallego de Madrid, o Lar Gallego de Sevilla e o Centro Gallego de Tarragona.

PUBLICIDADE