Máis de 1.300 profesionais das TIC pasaron os días pasados polo salón SITE

venres, 19 de novembro do 2010 Redacción

Máis de 1.300 persoas, profesionais do ámbito dixital na súa maioría, participaron na primeira edición de SITE, Salón Internacional de Tecnoloxía, segundo informa a organización, EXPOCoruña. O evento, que se se desenvolveu ao longo de dúas xornadas (17 e 18 de novembro), artellouse en varias partes: ao longo dun congreso con relatorios e mesas de debate e dando acubillo a un recinto expositivo-feiral onde participaron 34 empresas representativas do sector a nivel internacional. Asemade, habilitouse un programa de actividades paralelas: unha zona StartUp para acoller ás propostas de emprendedores e presentacións de solucións innovadoras.
SITE, que contou coa participación activa de profesionais de Inglaterra e Italia (países convidados), tivo o apoio da Xunta, a Cámara de Comercio da Coruña e Caixa Galicia. Pola primeira edición de SITE, entre outros profesionais das TIC, pasou Xavier Marcet, conselleiro delegado de LTC Project, quen salientou que respecto do negocio ligado á Sociedade da Información, non vale copiar modelos que xa funcionaron noutros países, senón que “en cada lugar hai que procurar o modelo propio”. Marcet, que pechou co seu relatorio o programa congresual de SITE, sinalou que “a innovación ten que ser aberta por moitas razóns, e que cómpre manexar de maneira axeitada o funil da xestión da innovación”.
A segunda xornada de SITE contou cun número importante de profesionais dando a coñecer as achegas particulares das empresas e entidades que representan: Tecnocom, ABI LAB Italia, PricewaterhouseCoopers, Inteco, HP, Fujitsu, Indra, Everis, Ricoh, R, Adecco, A Autoridade portuaria da Coruña, Inteco e Bolsas e Mercados Españois Innova.
Entre outras, a recta final do salón galego deu acubillo ás intervencións de Vicente Estévez (director de Operacións de Hal-Cash, quen presentou o proxecto da súa empresa no eido dos medios de pago, poñendo en xogo as capacidades do móbil e achegando “maior rapidez, menor custe e máis transparencia”), Mario Yáñez (director de Solucións de Banca de Tecnocom, quen destacou as oportunidades do teléfono móbil na banca, sobre todo nos países de baixa bancarización) ou Romano Stasi (secretario xeral de ABI LAB Italia, quen achegou un novo panorama de oportunidades bancarias en Europa, incluíndo conceptos innovadores como o de “banco espallado”).
SITE tamén contou coa participación de Antonio Carrascosa, director de Cumprimento Regulatorio de PricewaterhouseCoopers, quen enumerou algunhas das principais causas da crise económica actual, entre as que se atopa o excesivo medre do crédito bancario, que xerou un gran endebedamento de empresas e familias.
María Parga Landa, conselleira directora xeral de Bolsas de BME Innova, presentou no salón galego diferentes recursos responsables da modernización da Bolsa; e Félix Barrio Juárez, xerente de Innovación e Calidade de INTECO, afondou no termo eConfianza, un concepto que se identifica coa seguridade tecnolóxica, a accesibilidade e a calidade do software, “os tres piares da actividade de INTECO”, dixo.

PUBLICIDADE