Magic Leap One decepciona cun lanzamento moi limitado

xoves, 9 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Levamos meses esperando ao lanzamento de Magic Leap One, a solución de realidade aumentada/mixta máis ambiciosa do mercado, anunciado para este verán na súa edición para desenvolvedores, e por fin está aquí o Magic Leap One Creator Edition, pero nunhas condicións moi peculiares: véndese a 2.295 dólares (aos que é aconsellable engadir 495 dólares para a Professional Development Edition) pero só nas cidades de Chicago, Los Angeles, Miami, New York, San Francisco e Seattle (ás que se incorporarán máis poboacións no outono). Ao parecer a comercialización realízase dun xeito tan curioso porque está asociado a un servizo de entrega e configuración a domicilio, deixando claro que non estamos aínda ante un produto de consumo.
O casco de realidade aumentada tamén véndese en dous tamaños (para adaptarse a distintas cabezas e distancias entre os ollos, e non permite o seu uso con lentes como outros cascos (aínda que venderán cristais que graduados para incorporar ao casco).
Aínda que o produto sexa un interesante logro tecnolóxico, cunha elevada potencia e numerosas posibilidades, a expectación sobre o mesmo era demasiado elevada (en boa medida porque falamos dunha empresa con 1.500 traballadores e un investimento que podería achegarse aos 4.500 millóns de dólares) polo que o dispositivo real só pode recibirse con decepción, especialmente polo feito de que teña a mesma eiva que o seu competidor máis directo, as HoloLens de Microsoft: un campo de visión moi limitado.
Falamos de que o casco de Magic Leap, aínda que deixa ver o que temos diante, a proxección de realidade aumentada ten un campo de visión de só 50 graos, o que achega unha experiencia moi limitada, e quedaría moi lonxe dos 95-110 graos que ofrecen os cascos de realidade virtual.
Cómpre lembrar que as limitacións desta tecnoloxía son en boa medida, porque falamos dun produto portátil, polo que a súa capacidade actual é bastante meritoria, e temos que comprender que estamos ante un dispositivo pensado no desenvolvemento desta tecnoloxía de cara ao futuro, e non nun trebello que vaian mercar os usuarios finais.
Magic Leap One funciona cun procesador nVIDIA Parker cunha potente gráfica nVIDIA Pascal, 8 GB de RAM e 128 GB de capacidade, todo introducido nunha pequena unidade de 415 gramos de peso e cunha batería con autonomía dabondo para 3 horas de uso, elemento separado que consegue que o casco pese só 325 gramos e sexa máis compacto que os cascos de realidade virtual actuais, marcando así un camiño a seguir, no que os elementos vestibles buscan ser cada vez máis cómodos e discretos, xa que son unha das grandes barreiras para o uso deste tipo de tecnoloxía de cara á súa adopción masiva.

Vídeo no que Adi Robertson de The Verge conta a súa experiencia con Magic Leap One

PUBLICIDADE