Madres Paralelas recupera o debate sobre a censura automatizada en redes sociais

venres, 13 de agosto do 2021 Marcus Fernández

A novo filme de Pedro Almodóvar, Madres Paralelas, provocou un grande rebumbio estes días despois de que Instagram censurase o cartel da produción publicado polo seu autor, Javier Jaén, por presentar unha mamila en primeiro plano, o que fixo rexurdir o debate sobre a censura predominante sobre este tipo de imaxes que deberían resultar naturais.
Ás poucas horas da censura inxustificada, un voceiro de Facebook desculpouse polo bloqueo da imaxe en Instagram, argumentando que o contexto artístico do cartel publicado claramente non incumpría as normas da plataforma no que á prohibición de espidos se refire.
Pedro Almodóvar agradeceu o apoio ao cartel, á vez que criticou que existan algoritmos que decidan cando unha imaxe resulta ou no obscena, asegurando que «hai que estar alerta antes de que as máquinas decidan que podemos facer e que non podemos facer», ou que engadiu que «por moita información que posúa o algoritmo nunca terá corazón nin sentido común».
En calquera caso, a polémica provocou que o filme protagonizado por Penélope Cruz, Milena Smit, Israel Elejalde e Aitana Sánchez-Gijón reciba moita atención de cara á súa estrea en cines o vindeiro 10 de setembro, promoción especialmente beneficiosa na conxuntura actual na que os cines están a pasar momentos difíciles, co público reticente a acudir ás salas de exhibición e políticas de explotación das obras moi cambiantes, o que non favorece a volta a unha normalidade que probablemente será bastante diferente do panorama cinematográfico pre-pandemia.

PUBLICIDADE