MSI presenta novas estacións de traballo compactas

mércores, 18 de abril do 2018 Marcus Fernández

A familia de ordenadores de escritorio compactos e potentes de MSI está a medrar, e así temos agora os novos Vortex W25, estacións de traballo equipadas con procesadores de última xeración (Intel Core i7 de 8ª xeración ou Xeon), gráficas até unha nVIDIA Quadro P5200, até 64 GB de memoria DDR4, un par de espazos para unidades SSD en formato M.2 (e tamén un espazo para unha unidade de 2,5 polgadas), Thunderbolt 3, USB-C, Windows 10 Pro e saída de vídeo para até 3 monitores externos, todo iso nun volume de só 2,5 litros, de xeito que serían os ordenadores máis pequenos do mercado capaces de albergar unha nVIDIA Quadro P5200.
Estes equipos de 330 x 279 x 43 milímetros conseguen ocupar moi pouco no escritorio ,manter unha boa refrixeración e, ao mesmo tempo, ser capaz de traballar con esixentes aplicacións de modelado en 3D e deseño, contando con certificación ISV para tal fin. Temos así unha interesante proposta para os profesionais que busquen potencia pero non queiran introducir no seu espazo de traballo un ordenador en formato torre que sexa voluminoso e ruidoso. O prezo destes equipos partirá dos 2.049 dólares nos EE.UU. (descoñecéndose polo momento o seu prezo en Europa).

PUBLICIDADE