MINI prepara lentes de realidade aumentada para conducir

venres, 10 de abril do 2015 Marcus Fernández

Dentro de dez días vai comezar en China a feira Auto Shanghai, e MINI vai aproveitar o evento para amosar publicamente o seu novo concepto de lentes de realidade aumentada pensadas para ofrecer unha experiencia de condución máis cómoda e segura. As MINI Augmented Vision establece unha ligazón entre un coche MINI e a vista, para amosar ao condutor información relevante, aínda que polo momento está nunha fase de prototipo que permite comprobar como é posible casar as funcións interactivas desta tecnoloxía coa marca MINI.
Estas lentes de realidade aumentada permiten que, mentres mantemos a vista na estrada, poidamos recibir información de navegación GPS, así como outra información de interese que vai dende puntos de interese ou aparcadoiros con prazas libres até alertas do móbil (para saber cando se recibe unha mensaxe). A tecnoloxía de realidade aumentada tamén pode servir para amosar información como a velocidade actual e o límite fixado na zona pola que circulamos, facilitar as manobras de aparcamento e incluso guiar ao usuario até onde se atope o vehículo cando vai pola rúa (ou para axudalo a ir dende onde aparcou o coche até o seu destino final).

JPEG - 287.1 KB
A proposta de MINI quere casar a imaxe propia da marca coa tecnoloxía de realidade aumentada

PUBLICIDADE