Luis Tosar dá voz ao malvado de Destiny 2

martes, 22 de agosto do 2017 Marcus Fernández

O vindeiro 6 de setembro o xogo Destiny abrirá un novo capítulo para Xbox One e PlayStation 4 (a versión para PC non estará dispoñible até o 24 de outobro), aínda que entre os días 29 e 31 de agosto non serán poucos os que se animen a gozar a súa beta aberta, pero do que queremos dar hoxe conta sobre Destiny 2 non é de ningunha cuestión técnica, senón do feito de que este xogo de acción en primeira persoa conta co actor galego Luis Tosar pondo voz ao seu principal vilán, Dominus Ghaul, comandante da Lexión Vermella, unha nova e poderosa ameaza inimiga que aparece na secuela do aclamado Destiny.
Con Destiny 2 Tosar estréase no mundo dos videoxogos, asegurando o actor que «foi estupendo participar neste proxecto, e moi distinto ao que estou afeito a facer na miña faceta como actor. Traballar nun videoxogo permítete recrear facilmente situacións extremas, e date a oportunidade de interpretar a personaxes moi interesantes, que viven en incribles escenarios fora do común» engadindo que o papel de Ghaul «permitiume explorar novos rexistros de voz, que descoñecía».

PUBLICIDADE