Luis Álvarez-Sestelo, novo director executivo de Optare Solutions
luns, 20 de maio do 2019
Luis
Álvarez-Sestelo é o novo director executivo (CEO) da consultora
galega Optare Solutions,
radicada no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo e especializada
en achegar recursos avanzados ao sector das telecomunicacións dende
2002. O nomeamento forma parte dun proceso de reestruturación no seo
da firma, unha viraxe que tamén inclúe a creación do Grupo Optare,
que englobará a Optare Solutions EMEA, Optare Solutions LATAM e
Optare Ventures, a vertente de investimento do grupo. O reto
principal da nova andaina da compañía é continuar co espallamento
das empresas de seu en Europa, Oriente Medio e Latinoamérica.
Luis
Álvarez-Sestelo de 44 anos, é socio fundador de Optare, ademais de
presidente de Ineo, asociación de empresas TIC de Galicia,
conselleiro de varias compañías do sector e participante activo no
ecosistema de emprendemento e de investimento galego. Antes de asumir
o liderado de Optare, desenvolveu labores de dirección en operadores
como Comunitel, centros tecnolóxicos como Gradiant ou consultoras
como Coremain.
Sestelo
continuará coa estratexia de crecemento en valor das compañías do
grupo, pondo á súa disposición a súa experiencia en xestión,
reestruturación e procesos de M&A (fusións e
adquisicións polas súas siglas en inglés), e contará para iso co
apoio de Luis Alves, tamén socio do grupo e director xeral de Optare
Solutions EMEA, José Manuel Suárez Gago, director xeral de Optare
Solutions LATAM, e o equipo de profesionais e expertos no sector das
telecomunicacións que conforman o grupo Optare.
Segundo
nos conta o novo director executivo (CEO) da compañía, “incorpórome
con moita ilusión a un proxecto que axudei a crear cunha estratexia
baseada sobre todo na captación e retención de talento e na
innovación”. A este respecto, Álvarez-Sestelo engade que “é
necesario dispor do nivel de profesionais que temos en Optare, que
xuntan á súa formación técnica, obtida principalmente nas
universidades galegas, algo que só se pode obter mediante a
participación en proxectos de alto nivel: a experiencia”. E
engade: “A nova organización permitiranos afrontar coa calidade
que vai no noso ADN o medre dos vindeiros anos, mellorando as
posibilidades de crecemento horizontal e vertical para os nosos
empregados, e os resultados para os nosos accionistas”.