Luigi’s Mansion 3 chega hoxe a Nintendo Switch

xoves, 31 de outubro do 2019 Marcus Fernández

O achegamento ao terror da franquía de Super Mario claramente non podía ser seria, e comezou nos tempos da GameCube co xogo Luigi’s Mansion, no que o irmán de Mario tiña que explorar unha mansión enfeitizada atrapando pantasmas cunha aspiradora especial, até enfrontarse co malvado Rei Boo. Este xogo pasou á portátil Nintendo 3DS na súa secuela, Luigi’s Mansion 2, un xogo igual de ben recibido, que deixou un bo sabor de boca, de aí que unha terceira entrega fose inevitable.
Curiosamente Luigi’s Mansion 3 é o herdeiro perfecto das anteriores versións, xa que ao ser un xogo para Nintendo Switch, é tanto de sobremesa como portátil, pero desta volta temos un título moito máis ambicioso, que sen dúbida pasará a situarse entre os xogos máis salientables do catálogo de Switch.
Luigi’s Mansion 3 sae xusto hoxe á venda, coincidindo coa festividade do Halloween, que encaixa perfectamente coa súa temática, e desta volta leva a acción a un hotel ateigado de pantasmas, nas que Luigi deberá derrotar unha vez máis ao Rei Boo para rescatar aos seus amigos. O hotel presenta numerosas zonas nas que resolver distintos desafíos para ir avanzando no xogo de xeito individual ou nun modo cooperativo no que contaremos coa axuda de Gomiluigi (unha copia viscosa do protagonista).
Este xogo tamén conta con modo multi-xogador local e en liña, na que sumar até 7 xogadores máis repartidos en dous equipos para competir superando unha serie de minixogos.

Tráiler de Luigi’s Mansion 3

PUBLICIDADE