Lugo presenta 19 cursos para avanzar na formación dixital da cidadanía

venres, 24 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

Lugo preme o acelerador en materia de formación TIC e co Edificio de Novas Tecnoloxías como referente de divulgación. Así o vén de dar a coñecer a edil Rosana Rielo, responsábel de Concello e Cidadanía, que presentou onte un amplo programa de obradoiros para o verán, agrupados baixo a etiqueta de Tecnoloxíza-T! Son, en total, 19 cursos con 225 prazas, a celebrar dende o 3 de xuño. Desenvolveranse no dito Edificio de Novas Tecnoloxías e máis na Aula do Castiñeiro e na de María Balteira. O obxectivo é optimizar e impulsar a capacitación dixital da cidadanía. Os obradoiros complétanse con titorías tecnolóxicas.
No caso da aula do Castiñeiro, as actividades están dirixidas sobre todo a rapaces e rapazas de 8 a 14 anos, e no resto, aberto a todas as idades. Así mesmo, na aula do Castiñeiro as actividades serán en xornada de mañá e na de María Balteira e no Edificio de Novas Tecnoloxías, serán ben en quenda de mañá ou de tarde.
Por temáticas, tocaranse cuestións como a edición de fotografía e vídeo, a informática en xeral (introdución), a robótica, as aplicacións móbiles, os trámites bancarios dende os smartphone, as posibilidades do móbil, a comunicación por Whatsapp, as redes sociais no noso smartphone, como aprender a sermos instagramamers ou youtubers, como crear videoxogos ou as posibilidades do Autocad.
Tal e como explicou Rielo, o número máximo de alumnos e alumnas é de 10 ou 15, dependendo da actividade formativa, sendo o mínimo de persoas inscritas de 8 no caso de que as prazas ofertadas sexan 15, ou de 6 no caso de 10 prazas.
As persoas interesadas poden formalizar a inscrición no Edificio de Novas Tecnoloxías, até as 20:00 horas do día do peche da inscrición, que é distinto para cada curso. O acceso ás actividades formativas será por sorteo, que se celebrará ás 20:30 horas do propio día do peche da inscrición. A listaxe de persoas admitidas poderá consultarse no propio centro ou a través do Servizo de Información Municipal 010. Será necesario asistir a un 80% das horas pra recibir o diploma. No caso de que a demanda supere amplamente a oferta, a entidade local poderá organizar máis dun curso.

PUBLICIDADE