Lugo aposta polos formatos en streaming para o seu primeiro congreso de turismo experiencial

mércores, 5 de agosto do 2020 S. P.

Lugo vai acoller en setembro un evento directamente encamiñado a revitalizar e transformar o turismo da cidade, da provincia e dos ámbitos galego e estatal. Estamos a falar da primeira edición do Congreso Nacional de Turismo Experiencial, que se celebra entre os días 16 e 18 e no que está previsto que participen medio cento de expertos e profesionais. O formato será unha mestura de formatos presenciais e virtuais, ofrecendo a posibilidade de seguir os relatorios por streaming, nas redes. O congreso complementarase, os días 19 e 20 de setembro, co LugoExperience, un programa de actividades de lecer (culturais, gastronómicas, ambientais e de aventura) pola provincia.
A alcaldesa, Lara Méndez, participou este martes na presentación do evento na praza Pio XII, acto no que tamén interviron a concelleira de Turismo e Cultura, Maite Ferreiro, a deputada de Turismo, Pilar García, e a delegada territorial en funcións da Xunta de Galicia, Marta Barreiro.
Segundo explicaron, a primeira edición combinará o formato presencial, con conferencias no Pazo de San Marcos, e o virtual, ofrecendo a posibilidade de seguir as charlas por streaming. A este respecto, a rexedora fixo saber que “o feito de que os relatorios se poidan seguir en directo de forma online facilitará que o Congreso adquira unha dimensión nacional e internacional, o que supón un enorme escaparate para Lugo”.
Pola súa banda, a deputada de Promoción do Territorio e Turismo salientou a aposta decidida da Deputación de Lugo por converter a provincia nun destino multiexperiencial e intelixente: “Impulsamos a adhesión da institución provincial na Rede de Destinos de Turísticos Intelixentes e apoiamos a celebración deste congreso que acollerá o Pazo de San Marcos porque axudará á creación dun ecosistema colaborativo na provincia xuntando claves, ferramentas e innovacións para reinventar e dinamizar ao sector a través do turismo de experiencias”, subliñou.
O I Congreso Nacional de Turismo Experiencial, engadiron, busca “ser un referente no que abordar novos retos, ofrecer solucións, analizar casos de éxito e dotar das ferramentas necesarias a profesionais para que aproveiten as oportunidades do entorno local a través dun emprendemento sustentábel”. Será, afondaron, “un punto de encontro para profesionais, emprendedores, técnicos, produtores locais, estudantes, guías, investigadores, medios de comunicación e seareiros do turismo e a cultura en xeral”.
Amais de relatorios farase especial fincapé na realización de actividades complementarias a través de networking, workshops, visitas de campo e accións de dinamización cos asistentes. Deste xeito, celebraranse unhas Xornadas de Introdución á Creación de Experiencias de Ocio e Turismo e, durante a fin de semana do 19 e 20 de setembro, celebrarase LugoExperience, que contemplará diferentes actividades culturais, gastronómicas, de aventura... para dar visibilidade ao comercio local.

PUBLICIDADE