Lugo alenta o espírito emprendedor cunha LaconNetwork

mércores, 27 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

As xuntanzas LaconNetwork, os encontros gastronómico-tecnolóxicos de profesionais do sector TIC galego, van ter unha nova edición este venres 29 de marzo, en Lugo e a carón do río Miño. A cita, que se desenvolve a partir das 14.00 horas no establecemento Il Farabutto, servirá para fortalecer a vertente emprendedora da cidade da Muralla, apostando por novos e alternativos xeitos de facer que os profesionais e as persoas emprendedoras entren en contacto e colaboren.
Esta cita LaconNetwork estará dirixida polo técnico municipal de asesoramento a empresas do CEI-NODUS, Norman Veiga, e a co-fundadora de HimiKode Tech, Noemí Rodríguez, que se estrean como organizadores neste evento. Para quen queira máis información sobre o encontro ou formalizar a inscrición, pode facelo a través da súa páxina web.
Para quen non o saiba, as xuntanzas LaconNetwork constitúen un xeito alternativo de fomentar o intercambio de experiencias e ideas tecnolóxicas a través dunha metodoloxía alternativa pero a todas luces eficaz para o fomento da irmandade e das sinerxías: a experiencia gastronómica común. As xuntanzas naceron en 2009 e dende aquela constituíronse como unha comunidade de profesionais dixitais galegos que non para de medrar e xuntarse o derradeiro venres de cada mes arredor dunha laconada e os seus complementos. Polas citas xa teñen pasado máis de 1.200 empresarios, emprendedores e profesionais das TIC e da innovación.

PUBLICIDADE