Lugo Transforma incorpora a Air Cargo Booking, referente na dixitalización do transporte aéreo
venres, 5 de setembro do 2025
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, presentou este xoves 4 de setembro a nova incorporación ao fondo municipal de investimento Lugo Transforma: Air Cargo Booking. No acto estiveron tamén presentes Pablo Gallego, co-fundador da compañía, e Álvaro Bueno, responsable de Contas e Operacións, xunto con Jorge Leiro, analista de investimentos da entidade xestora. Constituída en 2023 en Lugo, a empresa desenvolveu a primeira plataforma en liña para a reserva e xestión de espazo en voos de carga.
“O que hoxe presentamos é unha mostra clara de que desde Lugo tamén se pode innovar e competir no ámbito da loxística internacional. Con Air Cargo Booking reforzamos o noso compromiso cun tecido produtivo máis moderno, diverso e preparado para os retos do futuro”, sinalou o rexedor.
Segundo explicou, a compañía simplifica un proceso ata agora analóxico e disperso: “Permite ás empresas exportadoras e importadoras reservar espazo cun só clic, calcular tarifas automaticamente, xestionar documentación e trámites aduaneiros, así como contratar os seguros necesarios”. A súa solución dixital aumenta a eficiencia, acelera os tempos de resposta e reduce os custos loxísticos, engadiu.
Air Cargo Booking traballa xa con firmas aéreas de referencia como Iberia, Air Europa ou Emirates, e ten experiencia no envío de mercadorías de todo tipo: perecedoiros, produtos farmacéuticos, animais vivos, cargas voluminosas ou mesmo mercadorías perigosas. A súa sede principal está en Lugo, na ronda da Muralla, e conta tamén con oficinas en Madrid e Londres. As previsións apuntan a un medre no seu equipo profesional ata os 15 empregados nos próximos cinco anos.
A operación conta cunha achega de 400.000 euros por parte do fondo Lugo Transforma, repartida entre capital social e préstamo participativo convertible. Trátase dunha rolda cuberta integramente polo fondo municipal, que aposta así por un sector en auxe, impulsado polo comercio electrónico e cun crecemento anual composto estimado do 7,5% ata 2029.
Pola súa parte, Pablo Gallego e Álvaro Bueno agradeceron a confianza de Lugo Transforma e subliñaron que “para nós é unha oportunidade única formar parte deste fondo municipal, que nos permite acelerar un proxecto nacido en Lugo e pensado para competir a nivel internacional, ofrecendo ás empresas unha plataforma pioneira que lles aforra custos e tempo en toda a loxística aérea”.
Desde Torsa Capital, Jorge Leiro explicou que “Air Cargo Booking nace en Lugo cun produto innovador que moderniza un sector ata agora moi analóxico, ofrecendo máis eficiencia e competitividade nun ámbito en crecemento marcado polo comercio electrónico”.
Con esta nova incorporación, Lugo Transforma suma 12 empresas participadas e un volume total investido de 4.360.000 euros. O fondo municipal conta actualmente coas seguintes compañías participadas: LexDigo, Innogando, InVerbis, TechAway, Boldest, Monkey Markets, DosDog, Himikode Tech, Equipzilla, Nexotech, Vig Sec Drone e Air Cargo Booking. A través delas, Lugo está a atraer talento, apoiar a innovación e consolidar emprego cualificado en sectores como a biotecnoloxía, a loxística, a transformación dixital ou a aeronáutica.
