Lucía Gregorio Rodríguez convérsese na nova directora xeral de Ineo

mércores, 2 de setembro do 2009 Raquel Noya

Ineo, a Asociación de Novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) de referencia en Galicia, vén de incorporar nas súas filas a Lucía Gregorio Rodríguez, como Directora Xeral da asociación.
Lucía Gregorio, que posúe formación como Enxeñeira Industrial, ocupou o posto de Directora da División de Innovación de ECONET nos últimos anos, o que lle achegou especialización nos proxectos europeos e un amplo coñecemento das axudas en materia de innovación tanto a nivel internacional coma a nivel estatal e rexional.
A nova incorporación prodúcese, segundo afirman dende a entidade, “nun momento estratéxico para a asociación e para o conxunto das empresas do sector TIC galego”, “que se constitúe”, segundo engadiron, “como un sector transversal ao resto de sectores produtivos e que se considera estratéxico para a superación da actual situación económica”.
Lucía Gregorio asume “con ilusión” o reto de posicionar ás TIC galegas agrupadas en Ineo como empresas de referencia no proceso de desenvolvemento socioeconómico do seu ámbito, contribuíndo ao aumento dos niveis de competitividade das empresas do resto dos sectores produtivos.
O labor desenvolvido dende a asociación centrarase, segundo anunciaron, “na consecución de maiores oportunidades de negocio para as empresas asociadas e na participación en proxectos que contribúan ao aumento da produtividade e a rendibilidade de cada unha delas”.

PUBLICIDADE