Lowi inclúe Netflix nas súas tarifas combinadas de fibra e móbil máis económicas
martes, 17 de setembro do 2024
O operador de baixo custo de Vodafone, Lowi, está a sorprender coa incorporación de Netflix aos seus plans de fibra e móbil a un prezo moi agresivo. Por unha banda, nas zonas con cobertura propia de Vodafone están dispoñibles as tarifas Fibra Fit de 300 Mbps con móbil con 30 GB de datos e Netflix por 25 euros/mes, mentres que coa Fibra Fit de 600 Mbps, 50 GB de datos e Netflix o prezo queda en 31 euros/mes. En zonas sen cobertura de fibra directa de Vodafone as tarifas anteriores custarían 35 e 41 euros/mes respectivamente.
Estes novos plans están dispoñibles tanto para novos clientes como para os actuais, aínda que cómpre advertir de que o plan de Netflix incluído é o estándar con anuncios (comercializado por Netflix directamente a 5,49 euros/mes), que conta cun catálogo de contidos algo limitado e permite a reprodución de contidos en até 2 dispositivos á vez en resolución Full HD.