Loroestudio espertou en SIMO o interese de empresas e institucións co seu premiado produto NetMobile

martes, 14 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

Lolo Rey, de Loroestudio, na edición 2006 de SIMOSIMO tivo presenza galega (cada ano máis), e unha das empresas da nosa terra que máis acaparou a atención dos visitantes foi Loroestudio.
A firma tecnolóxica de Ferrol acudiu ó stand de Moviilforum dentro da área HP co fin de levar a cabo demostracións prácticas do seu sistema NetMobile, un servizo recoñecido xa con tres galardóns tecnolóxicos nos últimos doce meses: o Premio GaliciaTic 2005, o segundo Premio Movilforum á mellor solución de negocio e o Accésit dos Premios ETI Galicia 2005.
No devandito stand, Loroestudio salientou as vantaxes de NetMobile: trátase dun sistema de información plataforma que permite consultar os datos xerados por un medio informativo ou unha administración pública, tanto dende un móbil como dende unha canle de Televisión Dixital Terrestre (TDT) e de xeito interactivo. NetMobile, que é segundo Loroestudio a única plataforma que permite xerar información e contidos compatibles tanto co móbil como coa TDT, está a ser empregada por El Correo Gallego ou a TVG (piloto de aplicación MHP).
Podemos ver o dossier (en formato PDF) deste desenvolvemento galego.
Segundo apunta a empresa ferrolá, durante a xornada de presentación deste produto en SIMO puído constatar o interese de diversas empresas e institucións, entre as que se conta a representante en SIMO da sección de TDT da Comunidade de Madrid. Asemade, Loroestudio aproveitou para presentar HangCow, o xogo multiplataforma e multixogador en tempo real para móbil e TDT, o primeiro (engade a dita empresa) destas características no mercado e que permite a participación de catro xogadores, cada un dende unha plataforma distinta (PC, móbil, PDA ou TDT).
O xogo, no que cada un dos participantes debe procurar adiviñar unha verba acochada tras espazos en branco (é unha nova volta de torca do xogo do aforcado, en realidade), atópase neste intre na súa primeira versión, estando xa a segunda a piques de saír do obradoiro, e esta segunda versión permitirá usar un chat para comentar as palabras co resto dos xogadores, entre outras cousas.

PUBLICIDADE