Logitech presenta un teclado con cable para o iPad pensado para o seu uso na escola

mércores, 22 de maio do 2013 Marcus Fernández

Pensando no seu uso nas aulas, Logitech deseñou un novo teclado para iPad, que para evitar o problema de ter que andar sincronizándose con distintos tablets (ou un tablet con distintos teclados) opta por unha solución máis doada: conectarse ao tablet de Apple a través de cable, integrando conector tanto de 30 pins como Lightning. Deste xeito, os estudantes só terían que conectalo ao iPad para poder teclear coa comodidade, facendo o tablet máis axeitado para usos de produtividade.
Este teclado de tamaño completo permite un uso cómodo e incluso conta con atallos para funcións propias do iPad. Deixando claro a súa proxección para as aulas, presume dunha grande resistencia das súas teclas (capaces de soportar os máis de 5 millóns de pulsacións) e resiste o esparexemento de líquidos. Sairá á venda este verán, aínda que a súa comercialización irá dirixida principalmente a centro educativos.

PUBLICIDADE