Logitech presenta interruptores para o fogar conectado

xoves, 11 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Para facilitar o control dos fogares conectados dende Logitech anuncian os seus novos Pop Home Switch, ou sexa, simples interruptores compatibles coas tecnoloxías que facilitan a conexión dos distintos trebellos que teñamos no fogar compatibles coas tecnoloxías Smart Home, de xeito que con só premer un botón podemos activar algunha das configuracións predeterminadas, o que pode ser acender unha luz, iniciar unha listaxe de reprodución musical nos altofalantes Sonos, pechar unha porta... ou facer varias cousas cun único toque, por exemplo, acender o televisor e o receptor de televisión de pagamento á vez que se reduce a intensidade da iluminación para poder goza dunha boa noite de cine en casa.
Os interruptores Pop Home poden configurarse de xeito doado a través dunha aplicación móbil; permiten que se configuren accións ante unha pulsación, dúas pulsacións ou unha pulsación prolongada; é posible colocalos na parece ou levalos por todo o fogar; e con compatibles con trebellos de moitas marcas (Philips Hue, LIFX, August, Sonos, Harmony, Lutron, Insteon e Belkin WeMo). Vénderanse de xeito independente por 39,99 dólares ou adquirir un lote de iniciación por 99,99 dólares que inclúe o bridge que permite que funcione esta tecnoloxía e dous interruptores (xunto coa cinta adhesiva que facilita a súa instalación no fogar).

PUBLICIDADE