Logitech leva Skype a calquera televisor con HDMI

venres, 3 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Algúns televisores de alta gama integran unha cámara (ou a posibilidade de incorporarlla como opción) para poder facer videoconferencias a través de Skype, pero agora Logitech quere facilitar tal posibilidade a calquera que conte cun televisor con entrada HDMI e conexión de Internet no fogar grazas á súa Logitech TV Cam HD, que por 199 euros facilita a realización de videoconferencias no noso salón dun xeito cómodo e sinxelo.

JPEG - 43.1 KB
A Logitech TV Cam HD achega a videoconferencia a toda a familia

Esta cámara soporta vídeo en alta definición (720p) para poder ver aos nosos amigos e familiares cunha boa calidade en televisores panorámicos, conta con conectividade tanto Wi-Fi N como Ethernet, integra 4 micrófonos con supresión de ruído, reproduce ton de chamada ao recibir unha solicitude de conversa aínda que o televisor estea apagado e non precisa de ordenador para o seu funcionamento. Tamén conta cun sinxelo mando a distancia, para poder controlar o zoom dixital da cámara e outras funcións.
Con esta solución podemos conversar dende o noso salón con usuarios de Skype que estean a utilizar tanto ordenadores persoais como dispositivos móbiles que conten con Skype. Estará dispoñible en Europa a partir do mes de setembro.


Vídeo de presentación da Logitech TV Cam HD

PUBLICIDADE