Logitech estrea unha webcam 4K con HDR

martes, 7 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Durante os últimos anos a webcam Logitech C920 foi un dos grandes referentes para a realización de videoconferencias en equipos informáticos de escritorio, e agora Logitech quere aproveitar a súa boa posición neste ámbito para revalidar o seu liderado nesta gama de produtos e presenta a nova cámara Logitech BRIO, que sería a primeira webcam de ultra alta definición con Logitech RightLight 3 con HDR, de xeito que non só teriamos unha magnífica cámara para videoconferencias, senón que sería de grande utilidade para calquera que queira tomarse o vídeo en serio, xa que para realizar streaming de vídeo ou para facer videoblogs tamén resulta moi válida.
A Logitech BRIO ten un corpo de metal e vidro, e un factor realmente diferencial desta webcam é o feito de poder gravar e retransmitir vídeo 4K con HDR (tecnoloxía incorporada hai pouco por YouTube, e que tamén incorporan moitos televisores modernos), o que achega un vídeo cunha calidade moi superior ao que estamos afeitos, especialmente ao que se refire á captación de luz, procurando que as imaxes sexan nítidas con pouca luz e evitando tamén a sobreexposición por mor da luz directa.
Aínda que transmitir vídeo en 4K pode parecer excesivo (principalmente porque a meirande parte dos receptores non contan con monitores de utlra alta definición) esta resolución tan elevada pode aproveitarse para realizar zoom en Full HD sen perder calidade. En videoconferencia pode rexistrar 30 imaxes por segundo en 4K, 60 imaxes por segundo a 1.080p e 90 imaxes por segundo a 720p. A cámara tamén é compatible con Windows Hello, ou sexa, que pode aproveitarse para identificar ao usuario mediante recoñecemento facial empregando infravermellos. O seu prezo de venda é de 249 euros.

PUBLICIDADE