Linksys pon á venda as súas primeiras solucións Wi-Fi 6E

venres, 30 de abril do 2021 Marcus Fernández

As redes domésticas sen fíos demandan cada vez mellores conexións, non só no que a velocidades punta se refire, senón moi especialmente a nivel de cobertura e estabilidade, para o que xogarán un rol importante as comunicacións a través de W-Fi 6E, tecnoloxía da que Linksys puxo estes días á venda o router Hydra Pro 6E e tamén o sistema de Wi-Fi en malla Atlas Max 6E, produtos que fan uso da banda dos 6 GHz, o que supón unha importante mellor nun momento no que as bandas máis habituais están moi saturadas.
O Linksys Hydra Pro 6E é un potente router tribanda capaz de manexar até 55 dispositivos a un tempo, que co uso da banda dos 6 GHz consegue velocidades de até 6,6 Gbps e que conta con compatibilidade coas redes Wi-Fi en malla (o que pode ser de axuda para combinar varios dispositivos e así reducir as zonas de baixa cobertura no fogar). Tamén integra un porto WAN de 5 Gbps, de xeito que estamos ante un trebello máis que preparado para a Internet dos vindeiros anos. Este router véndese nos EE.UU. a un prezo de 499,99 dólares.
Por outra banda, a solución de Wi-Fi en malla Linksys Atlas Max 6E tamén usa as comunicacións na banda dos 6 GHz para mellorar considerablemente as velocidades de conexión (promete até 8,4 Gbps), inclúe conector WAN de até 5 Gbps e tamén conta cun porto USB 3.0 por se queremos compartir algunha unidade de almacenamento en rede. Estamos ante unha das mellores solucións deste tipo no mercado, e precisamente por iso o seu prezo nos EE.UU. é de 1.199,99 dólares no seu modelo con 3 unidades, polo que non serán moitos os escenarios nos que vaia empregarse, pero permite ter un referente de até onde poden chegar este tipo de solucións de comunicacións sen fíos.

PUBLICIDADE