Librebit achegou un sistema libre de rexistro e seguimento para oito estacións de Aena
luns, 8 de agosto do 2016
A empresa
galega Librebit vén de desenvolver para Aena un sistema baseado en
estándares abertos para obter unha solución uniforme de
rexistro e seguimento de alimentación nas oito estacións de radar
do sector noroeste de España. Máis polo miúdo, a ferramenta foi
deseñada co fin de dar cobertura tecnolóxica a Enaire
(xestor de navegación aérea de Aena), cuxas estacións permiten o
control do tráfico aéreo e fornecen a seguridade precisa no
achegamento das aeronaves aos aeroportos.
En parte, o reto de
Librebit consistiu en simplificar e emendar a complexa contorna
tecnolóxica das ditas infraestruturas, con diferentes automatismos e
protocolos de varios fabricantes, “así como arranxar o baleiro de
documentación técnica nestes dispositivos”. Todo isto, engade
Librebit, provocou que a fase de análise do proxecto se estendese no
tempo máis do previsto.
A maiores, cómpre sumar
outro factor: as ditas estacións dispuñan só dunha intranet
restrinxida con acceso á torre de control do aeroporto de Santiago,
“o que implicaba a ausencia de Internet”. Isto supuxo un
incremento non previsto dos custos, dado que “obrigou a facer
desprazamentos in situ ás devanditas localizacións para
poder ofrecer o soporte oportuno”, engaden fontes de Librebit.
Respecto do tecido
software, a empresa galega informa que “o sistema operativo
empregado foi Debian e desenvolveuse un servizo en Python que
recollese a información da rede Modbus TCP e SNMP que logo fose
almacenada en base de datos MySQL/MariaDB”. Para a parte de
visualización e acceso á base de datos empregáronse tecnoloxías
como Symfony e Doctrine ORM.
Tendo en conta que
Librebit é un puntal do noso tecido empresarial open source,
no proxecto empregáronse tecnoloxías libres para facer “un
desenvolvemento a medida e con iso poder facer unha máxima
adaptación ás especificacións do cliente cun orzamento moi
axustado e que ningunha tecnoloxía privativa de ningún fabricante
podía igualar”. Os responsábeis do desenvolvemento tamén
salientan que “todo o proxecto foi posíbel grazas ao emprego de
programas abertos e a participación de AGASOL, a Asociación de
Empresas Galegas de Software Libre, que foi o principal interlocutor
co cliente final.