LibreCon abre prazo de presentación de relatorios

xoves, 27 de xullo do 2017 Fernando Sarasketa

Xa está aberto o prazo para presentarmos propostas á nova edición do congreso LibreCon, que, como lembraremos, celébrase novamente en Santiago da man da asociación galega AGASOL e máis a estatal ASOLIF. Segundo informan estas dúas entidades, o período para o envío de relatorios e participación na LibreCon 2017 estará aberto até o vindeiro 10 de setembro. Dende a organización da LibreCon quérese contar “cunha gran asistencia de participantes que acheguen a súa experiencia e coñecemento”, polo que fan un chamamento aos integrantes da nosa comunidade de usuarios e desenvolvedores de software libre a contribuír con cadansúas propostas. Así até conseguir un panorama de intervencións o máis plural posíbel, malia que os fíos temáticos sigan a ser fixos: Industria 4.0, sector primario e economía colaborativa. Todo, por suposto, dende a óptica do software e o hardware libre.
Como dixemos, LibreCon vaise trasladar novamente a Compostela para celebrar a súa edición 2017, e vaino facer da man da Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL) e de ASOLIF. Será os días 19 e 20 de outubro e o obxectivo será, esta vez, achegar solucións abertas aos novos retos da Industria 4.0 e o sector primario.
Tocaranse temas como os sistemas na nube, as cidades intelixentes, os drones, a tecnoloxía social, a economía colaborativa, a ciencia aberta ou o futuro da Sociedade do Coñecemento.
Segundo lembrou recentemente AGASOL, a anterior edición de LibreCon celebrada en Santiago (a de 2015) recibiu máis de 500 profesionais do mundo tecnolóxico e expertos en software libre, amais de servir de escaparate para presentar casos de éxito de grandes compañías e administracións públicas que están a aforrar custos e mellorando o seu negocio grazas ás tecnoloxías abertas. “Ademais, no marco do encontro celebráronse máis dun centenar de reunións empresariais”, engade a asociación galega, que tamén avanza que na seguinte convocatoria Galicia será novamente anfitrioa do evento, sendo o obxectivo “xuntar aos mellores expertos en cada unha das áreas de negocio que imos tratar no ámbito da industria das tecnoloxías abertas”. E engade Luis Fernández, xerente da entidade: “A capital galega converterase unha vez máis en epicentro da open innovation durante dous días”.

PUBLICIDADE