Levan os vellos controis de xogo aos dispositivos móbiles actuais

mércores, 15 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

Os amantes do retro que conten un iPhone, un iPad ou un dispositivo con Android poderán lembrar os videoxogos dos anos 80 dun xeito máis realista grazas ao iCade 8-Bitty, un mando sen fíos que conta cunha cruceta e varios botóns lembrando os controis das primeiras consolas domésticas de Nintendo, e que permitirán un mellor manexo que a pantalla táctil de smartphones e tablets, pola resposta táctil que teñen os mandos físicos.
Este novo mando para dispositivos móbiles é compatible con numerosas aplicacións retro como a Atari Classics collection (que conta con máis dun cento de títulos), Pac-Man, Super Mega Worm e moitos outros (entre os que figura o popular emulador MAME), contando cunha interface aberta que facilita que os desenvolvedores adapten os seus títulos a este atractivo mando. Este curioso accesorio precisa para funcionar 2 pilas AAA e terá un prezo de venda de 24,99 dólares (19,14 euros), aínda que non se concretou aínda a data na que chegará ao mercado.

PUBLICIDADE