Lérez UP será o punto de encontro dos amantes dos videoxogos esta fin de semana

venres, 26 de agosto do 2022 Marcus Fernández

Esta fin de semana o Recinto Feiral de Pontevedra será o corazón galego dos videoxogos coa celebración da primeira edición de Lérez UP, un salón do videoxogos e da cultura friki que contará con torneos, cosplay, charlas, expositores, obradoiros, karaoke, xogos de mesa, sorteos música e outras actividades nunha cita que quere converterse no punto de encontro dos amantes dos videoxogos de toda Galicia.
O evento reparte as súas actividades entre o sábado de 11:00 a 21:00 e o domingo de 11:00 a 20:00, podendo adquirirse no portelo do salón os billetes para poder acceder, que teñen un prezo de 3 euros/día ou 5 euros ambos días, e que tiveron bastante éxito na prevenda.
Durante a fin de semana celebraranse torneos de xogos como Tower Fall Ascension, King of Fighters XV, Tekken 7, Windjammers 2, Mortal Kombat 11 Ultimate, Soul Calibur VI, Rocket League, Guilty Gear Stive, MultiVersus¸Fall Guys, Mario Kart 8 e moitos outros, para os que os participantes poderán inscribirse durante o evento, mentres que os torneos de League of Legends, Super Smash Bros e Valorant xa teñen as inscricións pechadas. Todos os torneos teñen premio, que no caso do Super Smash Bros resulta impresionante, xa que será de mil euros máis o bote do rexistro.
Para os amantes dos videoxogos clásicos tamén haberá unha Zona Retro organizada pola asociación Retro Galaicos, que procurará que os asistentes poidan rememorar o fenómeno que supuxeron as máquinas recreativas de finais do século pasado.
Outra actividades bastante interesante será a celebración dun Trivial Gamer, organizado por Iago Gordillo de Recuncho Gamer, e no que haberá que responder a 15 preguntas relacionadas cos videoxogos (tanto retro como actuais) que terán 4 opcións e unha respostas correcta, e para as que haberá 30 segundos para responder, obtendo máis puntos quen antes responda, recibindo premio os 5 mellor clasificados.
Cómpre salientar que a asociación estradense Ocionautas tamén monta unha cidade gaming con múltiples actividades: puzzle room, retro gaming, nerf, Pacman, Among Us, Jenga xigante, Call of Duty, Brawl Star, Tetris e Candy Crush.

PUBLICIDADE