Leo Bassi pon en marcha a comunidade de denuncia PPleaks

luns, 7 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

Leo Bassi, a quen puidemos ver hai pouco na Estrada botándose litros e máis litros de mel enriba para celebrar o amor libre e sen fronteiras, vén de cumprir co prometido a finais de febreiro en Radio 3: a posta en marcha dunha plataforma de información que, seguindo o ronsel de Wikileaks, se dedicase sobre todo a destapar casos de corrupción relacionados co Partido Popular. E dito e feito, segundo se conta xa na Rede galega. O portal en cuestión, chamado PPleaks, promete estar á altura do nivel de polémica e rebumbio acadado por iniciativas previas do bufón italiano, arestora residente das Illas Balears, onde xa o teñen visto levar a cabo homenaxes ao arquipélago botándose de cabeza sobre moreas de ensaimadas.
En palabras do propio Bassi, estamos ante un “instrumento dinámico a disposición dos electores, aberto á colaboración”. A nova web, que xa tivo máis de 60.000 visitas en menos de unha semana de actividade, quere ser unha especie de mapa interactivo da corrupción no que se publicarán polo de agora informacións con fontes xa publicadas e logo irá dando acubillo a denuncias orixinais de testemuñas directas. Entre os puntos salientables de denuncia, por certo, figura a proliferación do ladrillo nas Rías Galegas. Polo que respecta ás novidades a poñer en xogo estes días figuran un mapa onde se lle requirir á comunidade de usuarios que complete e verifique a información de primeira man que se teña enviado e outro no que se dará conta de casos puntuais de infraccións ao laicismo, dende “financiamentos turbios até privilexios que non se inclúen na Constitución”.

PUBLICIDADE