Lenovo presenta unha tableta inspirada na Surface Pro

mércores, 2 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Cunha clara inspiración nas tabletas Surface Pro de Microsoft, Lenovo aproveita a feira IFA de Berlín para anunciar a súa nova Ideapad MIIX 700, unha tableta 2-en-1 que busca trunfar na campaña de Nadal, e que contará cun dos novos procesadores Intel Core m7, o que permitiría combinar un bo uso en mobilidade cun bo rendemento, á vez que aproveita co seu deseño as facilidades que achega Windows 10 para saltar entre un uso como tableta ou con teclado e touchpad. Sairá á venda no mes de novembro a un prezo que partiría dos 699 dólares, e tamén contaría cunha opción para integrar unha cámara Intel RealSense (elemento que tamén se rumorea que integraría a vindeira xeración de Microsoft Surface Pro).
Entrando a detallar as especificacións, falamos dun equipo que pode configurarse até cunha pantalla de 12 polgadas cunha resolución de 2.160 x 1.440 píxeles, procesador Intel Core m7, 8 GB de RAM, 256 GB de SSD, cámaras de 5 Mpíxeles, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.0, 1 portos USB 3.0, 1 porto USB 2.0, saída micro HDMI, lector de tarxetas microSD, altofalantes estéreo e cunha batería que permitiría unha autonomía de até 9 horas reproducindo vídeo en local. O grosor desta tableta é de só 8,95 milímetros e o seu peso de 780 gramos, e dentro da súas opcións tamén estará a dun modelo con conectividade 4G (o que pode ser un factor importante para optar por este equipo en vez de o de Microsoft).

O equipo pode empregarse como portátil ou como tableta

PUBLICIDADE