Lenovo presenta un novo tablet con Windows 8.1

martes, 13 de maio do 2014 Marcus Fernández

Tras probar sorte cun tablet de 8 polgadas con Windows 8, Lenovo opta agora a incrementar o seu tamaño de pantalla e presenta o Lenovo ThinkPad 10, un equipo moi interesante, por ter un formato de tablet pero facer doado ter as prestacións propias dun ordenador completo. Este novo tablet terá unha pantalla IPS de 10 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.200 píxeles (superando en densidade de píxeles á meirande parte de ordenadores portátiles que estamos afeitos a ver nas tendas), un procesador Intel Atom de catro núcleos (Bay Trail) que consegue un bo rendemento sen un consumo excesivo, ata 4 Gb de RAM (fronte aos 2 Gb de boa parte dos tablets con Windows) ata 128 Gb de almacenamento interno e lapis dixitalizador.
Entre os seus atractivos tamén estarían os seus accesorios, como un teclado (Ultrabook Keyboard) que converte o ThinkPad 10 nunha especie de ordenador portátil completo (xa que tamén inclúe trackpad) que se comunica fisicamente co tablet sen precisar de Bluetooth (facilitando o seu uso), unha funda que inclúe un teclado táctil (semellante ao dos Surface de Microsoft), un soporte para os escritorio (que facilita o uso dun monitor externo e discos duros externos) e incluso unha funda reforzada (pensada para o uso do tablet en contornos industriais). Sairá á venda en xuño a prezos que parten dos 599 dólares nos EE.UU., o que supón unha rebaixa con respecto a dispositivos semellantes da mesma marca.

O Lenovo ThinkPad 10 contará cun soporte para poder empregar comodamente un monitor externo no escritorio

PUBLICIDADE