Lenovo presenta un impresionante smartphone para gamers

xoves, 8 de abril do 2021 Marcus Fernández

Lenovo tamén ve interesante comercializar smartphones de grande potencia orientados ao público que gusta especialmente dos videoxogos, para os que presenta o seu novo Lenovo Legion Phone Duel 2, smartphone cun deseño moi simétrico para facilitar unha boa ergonomía e que integra tanto unha cámara de vapor como medida de refrixeración pasiva e un par de ventiladores para axudar a conter a temperatura do dispositivo e así poder manter o rendemento do móbil para gozar dos xogos de xeito estable durante tempos prolongados.
Este novo smarphone está equipado cun potente procesador Qualcomm Snapdragon 888, ou sexa, que ten conectividade 5G, pero tamén pode presumir de até 18 GB de memoria LPDDR5 e até 512 GB de almacenamento UFS 3.1, ou sexa, que a súa memoria é tan xenerosa como rápida, conseguindo así un moi bo desempeño. Outro elemento a destacar é a súa pantalla AMOLED de 6,92 polgadas con HDR10+ e unha velocidade de refresco de 144 Hz, acompañada por unha taxa de refresco táctil de 720 Hz, características nas que apenas ten competencia.
A súa grande batería de 5.500 mAh sorprende cunha carga rápida de 90 watts, xa que normalmente hai que manter certo equilibrio entre capacidade e velocidade de carga, e desta volta conseguiron destacar simultaneamente en ambos apartados.
O Lenovo Legion Phone Duel 2 está orientado a un uso en horizontal, agarrado con ambas mans, polo que dispón nun dos seus laterais de botóns especiais destinados ao seu uso en videoxogos a xeito de gatillos, contando tamén con funcións táctiles especiais en pantalla e na traseira do dispositivo.
Aínda que no apartado fotográfico os móbiles gaming non buscan destacar, desta volta sorprenden cunha cámara periscópica de 44 Mpíxeles que busca captar con calidade ao usuario cando realice retransmisións por streaming dende o móbil. Tamén conta cunha máis tradicional cámara traseira de 64 Mpíxeles que está acompañada por unha cámara de ultra grande angular de 16 Mpíxeles.
Este móbil sairá á venda en maio a un prezo que partirá dos 799 euros para a versión con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento, mentres que con 18 6 GB de RAM e 512 GB de almacenamento custará a partir de 999 euros.

Vídeo coa presentación do novo smartphone gaming de Lenovo

PUBLICIDADE