Lenovo lanza o seu primeiro smartphone con LTE

venres, 3 de xaneiro do 2014 Redacción

A multinacional Lenovo comezou o ano presentando o seu primeiro smartphone compatíbel con LTE (Long Term Evolution, tecnoloxía de telefonía móbil 4G), o que o faría especialmente apropiado para os nosos servizos que as operadoras españolas están a achegar nas nosas principais cidades, dende Vodafone e Orange a Telefónica e Yoigo. O trebello en cuestión, o Lenovo Vibe Z, é un terminal especialmente plano de 7,9 mm, de peso reducido (147 gramos) e equipado, entre outras cousas, con ferramentas de control por xestose software para mellorar fotografías.
Para complementar o Vibe Z, Lenovo tamén lanzou tres novos smartphones: o S930, un dispositivo de gran formato con pantalla de 6 polgadas dirixido aos seareiros dos contidos multimedia; o S650, un compacto e elegante terminal de 4,7 polgadas; e o A859, un teléfono intelixente “todo terreo” de alto rendemento con pantalla de 5 polgadas. Segundo fai saber Lenovo, este catro novos dispositivos complementan á súa vez a gama actual de teléfonos da multinacional, que abrangue desde terminais con funcións básicas a smartphones de gama alta dispoñíbeis nunha ampla variedade de prezos.
Volvendo ao novo Vibe Z, dicir que salienta polo seu deseño elegante e o seu alto rendemento. A idea da compañía, explica, Liu Jun, vicepresidente senior, foi achegar “unha tecnoloxía concreta para que os usuarios poidan gozar verdadeiramente da mellor experiencia posible cun smartphone, agora á velocidade de LTE”. Entre outras cousas e ao tratarse dun trebello compatíbel con LTE, fornece velocidades de subida de datos de até 50 Mbps e velocidades de descarga de até 150 Mbps, que, en palabras de Lenovo, “son quen de satisfacer aos usuarios que manexan máis datos”. O Vibe Z funciona con redes GSM/UMTS até 2100 e tamén inclúe Wi-Fi 802.11ac e Bluetooth 4.0. Inclúe pantalla táctil IPS de 5,5 polgadas con Full-HD (1920x1080) e un amplo ángulo de visión. Equipado con 2 XB de memoria, até 16 XB de almacenamento interno e Android 4.3, o Vibe Z ofrece espazo de abondo para gardar miles de fotos e ducias dos vídeos. O aparello terá un custe de 549 dólares.

PUBLICIDADE