Lendmarket, Sharenjoy, Dooing IT e Converfit, novas startups aceleradas por ABANCA

mércores, 30 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

Xa temos finalistas para participar no segundo programa de aceleración de ABANCA Innova, palestra empresarial posta en marcha pola entidade financeira galega. Trátase de catro startups co nexo común de aplicar unhas importantes doses de espírito innovador aos servizos financeiros tradicionais: Lendmarket, Sharenjoy, Dooing IT e Converfit. Segundo informou ABANCA, as iniciativas de fintech finalmente elixidas poderán recibir até 60.000 euros en financiamento.
Meténdonos na análise rápida de cada unha das novas firmas, todas elas da nosa terra, Lendmarket pon en xogo un mercado en liña privado para a compra e venda de investimentos en préstamos a PEME orixinados por fondos de direct lending. Polo que se refire a Sharenjoy, trátase dunha plataforma de venda de microseguros que protexen aos asistentes de eventos de lecer e solucións de salvagarda da identidade dixital. Dooing IT, pola súa banda, é unha plataforma de recomendación de investimento en ciberseguridade e comercialización de seguros de ciber-risco. Por último, Converfit pon en xogo unha ferramenta que segmenta a todo o público que chega a unha páxina web a través da Intelixencia Artificial e Aprendizaxe Máquina (o que se coñece como Machine Learning).
Logo da fase de deseño e validación de cadanseu modelo de negocio (a fase sementa) comezou o pasado 7 de xaneiro unha nova andaina do proceso de aceleración, a fase brota, que incluirá (entre outras cousas) probas de investidores, préstamos participativos (15.000 euros, coa posibilidade de recibir outros 45.000 ao rematar esta etapa), axudas das empresas colaboradoras da aceleradora, acceso á rede de networking de HubIN, novas píldoras de formación en distintas áreas, e un espazo de traballo gratuíto nas instalacións de ABANCA Innova. Amais, recibirán asesoramento de forma semanal en materia de xestión (en áreas como mercadotecnia, vendas, finanzas ou estratexia comercial) para desenvolver a súa potencia e acelerar o seu proceso de medre.
Este 7 de febreiro as catro startups finalistas terán a oportunidade de realizar a súa primeira proba ante investidores, ao participar no Demo Day da LaconNetwork, o referencial foro de investimento privado.

PUBLICIDADE