Leica lanza unha cámara instantánea de luxo

xoves, 15 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Para recuperar o espírito nostálxico das cámaras instantáneas Polaroid existen bastantes produtos no mercado que van dende cámaras dixitais até impresoras portátiles para móbiles, e aínda que estes produtos tenden a ser relativamente económicos, dende Leica preferiron achegarse a este mercado con estilo e presenta a súa nova cámara Leica Sofort, que ten un tamaño especialmente compacto, una aparencia retro en cores laranxa, menta ou branca, con numerosos modos de disparo e integrando unha impresora Instax Mini de Fujifilm (facendo así doado atopar consumibles).
Aínda que Fujifilm ten cámaras deste estilo no contorno dos 100 euros, dende Leica quixeron aproveitar o seu valor de marca, e venden a súa nova cámara a 299 dólares, aínda que probablemente sexa un prezo que non parecerá excesivo aos seareiros desta marca.
A Leica Sofort é unha cámara instantánea de fotografías de 62 x 46 milímetros que se alimenta en cartuchos de 10 instantáneas (en cor ou monocromo), cunha sensibilidade ISO 800, flash incorporado, unhas dimensións de 124 x 94 x 58 milímetros e un peso de 305 gramos (sen batería nin papel fotográfico).
Pese a ser un produto bastante básico, pode disparar fotografías en modos diversos como macro, selfie, acción, festa ou con disparo programado, de xeito que xa vén configurada cos axustes para realizar unhas fotografías bastante decentes sen ter que tolear co numerosas funcións manuais.
Pode verse como un xeito de intentar recuperar o espírito da fotografía de hai varias décadas, cando había que medir moito o número de disparos e as instantáneas, en vez de perderse na inmensidade da galería dun smartphone quedaban rexistradas nun papel que se pode conservar a longo prazo, permitindo conservar dun xeito clásico os momentos especiais.

A Leica Sofort venderase en 3 cores distintas

PUBLICIDADE