Left 4 Dead chega a Mac OS X

xoves, 28 de outubro do 2010 Marcus Fernández

A plataforma en liña de xogos para ordenador Steam finalmente estrea versión dos xogos de Left 4 Dead para Mac OS X, de xeito que os maqueiros por fin poden gozar nos seus equipos desta saga de xogos de acción desenvolvida por Valve que ten nas partidas en liña o seu punto forte, por permitir a creación de equipos de 4 persoas para a aniquilación de hordas de mortos viventes (contando tamén cun modo versus no que 4 usuarios xogan no bando humano e outros 4 controlan aos distintos zombis). Para celebrar a chegada a Mac desta franquía, os xogos terán un 50% de desconto por tempo limitado, de xeito que a versión de ordenador de calquera das dúas entregas de Left 4 Dead poderán adquirirse por 6,99 euros, sendo posible mercar ambos títulos de xeito conxunto por só 10,49 euros.
Curiosamente dende Steam comercializan a versión de Windows e Mac OS X de xeito conxunto, polo que quen tivese a versión para PC pode agora descargar de balde a de Mac. Para poder gozar destes xogos nun ordenador de Apple é preciso contar coma mínimo con Mac OS X 10.6.4, un procesador Intel Core Dual a 2 GHz e unha tarxetas gráfica ATI Radeon 2400 ou nVIDIA 8600M.
Amais, os xogos de Left 4 Dead veñen de incorporar novidades que corrixen detalles do xogo e melloran a súa estabilidade nas partidas en liña.

O xogo desenvólvese a través de máis de 20 mapas

PUBLICIDADE