LeapBand, a pulseira para manter aos nenos activos

venres, 2 de maio do 2014 Marcus Fernández

LeapFrog non limita a súa aposta por levar a tecnoloxía aos cativos a unha oferta de tablets e consolas de videoxogos portátiles, senón que agora anuncia un produto realmente innovador, a LeapBand, que é un monitor de actividade física que integra unha mascota virtual personalizable, de xeito que mesturaría o concepto de Tamagotchi cos cuantificadores de actividade que fomentan o abandono do sedentarismo.
A LeapBand quere axudar a manter aos cativos en movemento a través de 50 retos e actividades diferentes, de xeito que canto máis activo estea o neno, máis puntos acumulará, permitindo desbloquear elementos a xeito de recompensas que beneficiarán á mascota en pantalla.
Este accesorio funciona cunha batería recargable cunha autonomía para 4-6 días, é resistente á auga e pode completarse cunha aplicación chamada Petathlon, compatible con tablets LeapPad Ultra ou dispositivos con iOS ou Android. Sairá á venda no mes de agosto nos EE.UU. e verde, rosa e azul a un prezo de 39,99 dólares (28,85 euros), estando recomendado o seu uso para nenos de entre 4 e 7 anos.

A LeapBand quere animar aos cativos a manterse activos


Vídeo de presentación da LeapBand

PUBLICIDADE