League of Legends celebra os seus 10 anos anunciando novos xogos

mércores, 16 de outubro do 2019 Marcus Fernández

O xogo League of Legends (LoL) está celebrar o seu 10º aniversario e, aparte de repartir agasallos diarios entre os xogadores entre os días 17 e 27 deste mes, anuncian novos e interesantes proxectos, como o Teamfight Tactics, League of Legends: Wild Rift, Legends of Runeterra e o Project A, que destacan principalmente por abrir o universo de League of Legends a novas plataformas de xogo.

Teamfight Tactics

Teamfight Tactics é até o momento un modo de xogo definido como auto battler, que en breve recibirá a expansión Rise of the Elements á vez que introducirase no mundo dos crossplay ao estrear aplicacións para iOS e Android, de xeito que será posible competir entre móbiles, PC e Mac.

League of Legends: Wild Rift

Máis interesante é o anuncio de League of Legends: Wild Rift, que é un redeseño do modo 5 contra 5 de League of Legends adaptado a iOS, Android e consolas de videoxogos, no que dende Riot Games deixan claro que non é unha conversión de LoL, senón un xogo redeseñado dende cero para ter en conta as características propias destas novas plataformas de xogo. Con este novo título os seareiros de League of Legends poderán manter a súa afección cando non estean preto do PC, e aínda que o xogo presente cambios para adaptarse aos controis táctiles, mantendo aos célebres campións do xogo orixinal (dos que contará inicialmente con 40, que irán ampliándose paulatinamente).
Pretenden iniciar o despregamento de versións de proba deste novo xogo en China, coa intención de ter unha versión móbil lista en todo o mundo a finais de 2020 e a de consola máis adiante.

Tráiler de anuncio de League of Legends: Wild Rift

Legends of Runeterra

Mudando de xénero, pero aproveitando a franquía, teremos tamén Legends of Runeterra, un xogo de naipes de estratexia, no que elixir campións e combinar cartas de diferentes rexións para construír un mazo que sirva para enfrontarse ao doutros xogadores. Temos así unha alternativa a Hearthstone, que estes días está a ofrecer a posibilidade de participar nunha versión de proba que estará dispoñible até o día 20. Este xogo terá versións para ordenadores persoais, iOS e Android.

Vídeo no que explican as mecánicas de Legends of Runeterra

Project A

Por último, Riot Games confirma estar a traballar en Project A, nome que recibe neste momento un shooter táctico competitivo baseado en personaxes, que desta volta será un xogo exclusivo para ordenadores persoais.

Vídeo no que explican en que consiste o Project A de Riot Games

PUBLICIDADE