Laxe estrea web de turismo coincidindo coa súa festa do Naufraxio

xoves, 16 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Laxe celebra este 17 de agosto a celebración de O Naufraxio, festa de Interese Turístico, e o Concello quixo acompañar este verán e máis a senlleira e célebre festividade coa posta en marcha da nova páxina turística local, www.turismolaxe.gal. De feito, un dos grandes piares temáticos da nova web é a devandita celebración mariñeira.
A páxina, sinxela e de gran pegada visual (vertente fortalecida co impacto das impresionantes paisaxes deste treito da Costa da Morte), artéllase en seis seccións ben visíbeis que aglutinan o miolo da información: descúbrenos, como chegar, onde aloxarse, servizos públicos, axenda e contacto.
Asemade, achégase un buscador de gran utilidade, xanelas ás redes socias e un deseño adaptado ás esixencias e necesidades dos dispositivos móbiles.
A páxina, segundo reflicte Que pasa na Costa, é unha mostra do empeño por impulsar Laxe económica, cultural e turisticamente por parte da Concellería de Turismo, Hostalería e Comercio que dirixe Xosé Manuel Pose Lema (BNG).

PUBLICIDADE