Lara Croft estrea xogo descargable

mércores, 18 de agosto do 2010 Marcus Fernández

O Bazar de Xbox LIVE Arcade estreou hoxe o xogo Lara Croft and the Guardian of Light, que pode adquirirse por 1.200 puntos (14,4 euros) e que incluso conta cunha versión de demostración de balde. O xogo sorprende por ser o primeiro xogo de acción e aventuras multi-xogador cooperativo no que aparece Lara Croft, a protagonista da franquía Tomb Raider, conservando características habituais de tal saga de xogos coma a exploración, o descubrimento, as plataformas e a resolución de enigmas, así coma personaxes que evolucionan, un combate trepidante e elementos de cooperación e competición humana.
Estamos ante o primeiro título descargable de Lara Croft e do estudo Crystal Dynamics, que presenta uns gráficos impresionantes en perspectiva isométrica e cunha ambientación terrorífica, pois no xogo hai que enfrontarse a unha grande cantidade de espíritos de guerreiros mortos resucitados polo malvado Xololt, entre os que hai xefes finais que derrotar. Aínda que este título conta cun modo de xogo clásico, o seu potencial está no xogo cooperativo, no que Lara contará coa axuda de Tótec, personaxe capaz de manexar unha lanza e que tamén conta cun escudo (que, aparte de para cubrirse, tamén serve para elevar a Lara) de xeito que resultará importante en certos momentos do xogo.
Esta nova aventura de Lara Croft repártese en 14 fases, que poden completarse nunhas 6 horas (aínda que resulta rexogable). Está traducido ao español en voz e texto e, aínda que polo momento só está dispoñible para a Xbox 360, en breve sairá para PlayStation 3 e PC a través da PlayStation Network e Steam respectivamente.


Trailer do xogo primeiro xogo cooperativo descargable de Lara Croft

Entre as armas de cada personaxe, Lara fai uso das súas típicas pistolas, mentres que Tótec destaca polas súas lanzas
Nesta aventura haberá que resolver distintos enigmas
No xogo Lara e Tótec deben enfrontarse a numerosos inimigos

PUBLICIDADE