Lanzado un xogo-web para axudar no día a día dos adolescentes con diabetes: o proxecto Diguan

xoves, 7 de novembro do 2013 Fernando Sarasketa

Unha das grandes doenzas do noso tempo, e da que probabelmente non se fala todo o que debería (facendo fincapé nos riscos e nas consecuencias de non vixiala), é sen dúbida a diabetes. De feito, segundo sinala a Sociedade España da Diabetes (SED), esta doenza constitúe a día de hoxe un dos grandes retos aos que se enfrontan os países desenvolvidos, e estímase que no que se refire ao caso español afecta a un 14% da poboación. Ademais, hai xa 130.000 menores de idade que a padecen. É preciso, polo tanto, informar máis e mellor ás novas xeracións sobre como evitar e combater esta enfermidade. O terreo elixido pola SED para facelo é un terreo que os menores coñecen ben: a Rede. De aí que puxera en marcha a iniciativa Diguan, “o primeiro colega virtual dos adolescentes” con esta doenza.
O proxecto foi posto en marcha coa axuda da Sociedade Española de Endocrinoloxía Pediátrica (SEEP), a Federación de Diabéticos Españois (FEDE) e a colaboración de Sanofi. Foi dado a coñecer con motivo do Día Mundial da Diabetes, que se celebra o vindeiro 15 de novembro. O resultado de todo isto foi Diguan, personaxe protagonista dun programa formativo máis amplo que foi concibido para axudar ao adolescente na xestión da súa doenza e para concienciar e normalizar a enfermidade ante a sociedade. O proxecto, informa a SED, desenvolveuse con novas tecnoloxías para “enganchar” máis ao adolescente na educación terapéutica e mellorar a súa adherencia e o seu compromiso co dito problema. “Diguan”, explica a Sociedade, “é un personaxe divertido e entrañable que debe aprender a controlar a súa enfermidade e afrontar situacións semellantes ás dun adolescente con diabetes tipo 1, á vez que se relaciona coa súa contorna habitual de amigos e familiares”. O proxecto consta de catro elementos fundamentais: un microsite, un vídeo blog, unha canle en YouTube e un videoxogo que tamén se pode descargar para dispositivos móbiles na AppStore e e na tenda GooglePlay.

PUBLICIDADE