Lanzada unha aplicación que achega recompensas por contaminar menos

luns, 12 de xaneiro do 2015 Redacción

Que a variación global do clima da Terra avanza a grandes pasos é xa unha realidade. Como tamén o é que que acción do home no medio ambiente é unha das causantes do denominado cambio climático. Coa vontade de frear este cambio nace Changers CO2 Fit, unha aplicación que che recompensa cada vez que empregas a bici ou o transporte público para reducir as túas emisións de CO2, reflectíndose isto nun cambio de hábitos que contribúe a deter o dito cambio climático e salvar o noso planeta.
Changers é unha startup que impulsa a tecnoloxía verde e o uso responsábel da enerxía. Hai menos dun mes, esta compañía lanzaba unha aplicación móbil chamada CO2 Fit, dispoñíbel para iOS e Android, que busca recompensar o aforro de emisións de CO2.
Esta aplicación é quen de medir a cantidade de CO2 emitida ao andar en bicicleta, cando tomamos o autobús ou conducimos o coche para pagarche 1 recoin por cada quilogramo de CO2 que aforres. Os Recoins (Renewable Energy Coins) son un tipo de moeda verde que emprega este sistema para recompensar aos usuarios que levan unha vida máis sustentábel. Alén disto, existe a posibilidade de gañar premios, insignias e posicións no ranking mundial.
Indo ao miolo da aplicación: gañarase un recoin por cada quilómetro percorrido en bicicleta (142 g de CO2/Km), por cada 5 quilómetros de percorrido no transporte público (65 g de CO2/Km) ou por cada 20 quilómetros percorridos en tren (97 g de CO2/Km). Poñendo como exemplo: ao gañar 50 recoins poderase mercar un certificado climático dentro da aplicación, o que representa un aforro de 25 quilogramos nas emisións de CO2.
Cómpre dicir que os certificados climáticos non son unha novidade, pois foron creados en 2003 por varias organizacións ecoloxistas para compensar as emisións de CO2. Un certificado climático equivale a aforrar unha tonelada de CO2, emisións que, doutro xeito non poderían terse evitado ou reducido; ademais tamén axudan a dar financiamento a proxectos de protección do clima.
Engadir que se agarda que Changers CO2 Fit poida contar nun futuro cunha moeda verdadeira baseada no valor da enerxía renovábel, algo así como Bitcoin. Changers xa está presente en máis de 61 países e 736 cidades; agora están a apostar por crear convenios con municipios e empresas para involucrar e incentivar aos empregados a utilizar CO2 Fit e frear o cambio climático.

PUBLICIDADE