Lalín dá a coñecer os gañadores do seu concurso de fotografía dixital

mércores, 27 de decembro do 2017 Redacción

A fotografía Foise de Marlene Pérez

Finalmente resolveuse a primeira edición do Concurso de Fotografía Dixital Roteiros de Lalín e xa sabemos os nomes dos gañadores. O xurado do certame, ao que se presentaron máis de medio cento de imaxes (presentadas en función dos criterios de avaliación recollidos nas bases), decidiu conceder o primeiro premio Roteiros de Lalín á obra Foise de Marlene Pérez. Polo que respecta ao Premio Roteiros do Público, o xurado certificou que a obra Catasós, de José Antonio Santomé González, foi a fotografía máis valorada polo público-internauta do concurso a través da páxina web específica do mesmo.
No resto de categorías, o xurado acordou conceder o premio Roteiros Natureza, á fotografía presentada baixo o título Ánfora, da que é autor Javier Docampo, e declarar deserto o premio Roteiros Patrimonio, por “considerar que ningunha das obras que podían acceder a esta categoría recollían os elementos necesarios para seren premiadas”.
Segundo explica o Concello de Lalín, os premios do concurso non serán en metálico e consistirán en agasallos ou viaxes relacionadas coa natureza. En termos máis concretos, o primeiro galardón será unha viaxe de 2 noites para 2 persoas con actividades outdoor (sendeirismo, BTT,etc) nun lugar de interese natural do noroeste peninsular, valorada en 350 euros. O premio Roteiros Natureza consiste nun curso de fotografía individualizado no Courel (incluíndo unha estadía dunha noite para 2 persoas) cun experto fotógrafo, valorado en 250 euros. Polo que respecta ao premio do público, trátase dun curso de fotografía individualizado dun día, cun experto fotógrafo en calquera das Reservas da Biosfera de Galicia (incluíndo unha estadía dunha noite para 2 persoas), valorado en 250 euros.
En total foron 55 as instantáneas presentadas a un certame que se puxo en marcha co obxectivo de promover os valores do programa: natureza, rural, patrimonio, saúde e deporte. O xurado do concurso estivo composto polo concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares (como presidente); un membro do gabinete de prensa municipal (como secretario); o experto en natureza e patrimonio David Mella; o voluntario do programa Roteiros, José Luís Rodríguez Jácome; e dous expertos en fotografía: Javier Lalín, do Faro de Vigo, e Miguel Souto, de La Voz de Galicia.

PUBLICIDADE