Lalín aproba a licitación do proxecto para converterse plenamente en smart

mércores, 31 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Lalín vén de dar un paso de gran relevancia nos seus obxectivos de crear unha vila smart: mellor xestionada, máis sustentábel, mellor comunicada e máis innovadora e participativa. Hoxe mesmo, o Goberno local, da man do tenente de alcalde Nicolás González Casares, deu a coñecer a aprobación da licitación do proxecto de Cidade Intelixente de Lalín. O edil engadiu que o obxectivo é marcar un antes e un despois na modernización tecnolóxica do concello. Tamén lembrou que as empresas que queiran optar a este contrato teñen de prazo para presentar ofertas ata o día 13 de novembro, cun orzamento de licitación de aproximadamente 250 mil euros.
A iniciativa, nun plano máis concreto, é un proxecto para o subministro, instalación e explotación dunha solución integral de Smart City mediante procedemento aberto. Este proceso insírese na estratexia DUSI Lalín Ssuma21, co-financiada nun 80% por fondos FEDER mediante o POCS 2014-2020.
González Casares engadiu que do que se trata, en parte, é de dotar de servizos tecnolóxicos ao cidadán, pero, sobre todo, de “crear contornas atractivas e competitivas tecnoloxicamente”, pois, sinalou, “onde hai tecnoloxía, instálase máis tecnoloxía”.
Segundo o concelleiro, o lanzamento da Smart City Lalín “é unha iniciativa que se pon en marcha xa de xeito moi ambicioso e que permitirá converter a vila nunha auténtica vila intelixente, constituíndo un antes e un despois na modernización tecnolóxica da localidade e dos seus servizos públicos”.
O edil tamén especificou que as empresas que queiran optar a este contrato teñen de prazo para presentar ofertas ata o día 13 de novembro, debendo achegar unha solución composta polos seguintes subsistemas: sistema de axuda ao aparcamento, sistema de carteleiría dixital, plataforma Smart City e rede de comunicacións Wi-Fi. A empresa adxudicataria encargarase da instalación, soporte e explotación de todo o equipamento do sistema e, no caso de que sexa preciso realizar obra civil, tamén correrán a cargo da empresa todas as actuacións necesarias.
O Sistema Intelixente de Axuda ao Aparcamento (SIAE) permitirá recompilar información do estado de ocupación das diferentes zonas de estacionamento público de Lalín e presentala nos paneis de información dos sistema (SCD) para informar a cidadanía en tempo real. O SIAE funcionará sobre o aparcadoiro municipal Aldea Grande e sobre o campo da feira, aínda que no futuro, sinalou González Casares, “poderase estender a outros espazos, ofrecendo datos inmediatos de entrada e saída de vehículos, co obxectivo de informar á cidadanía e facilitar o seu uso”.
Polo que atinxe ao Sistema de Carteis Dixital (SCD) consiste na posta en servizo dun sistema de información en tempo real mediante a disposición de paneis electrónicos en diferentes formatos que serán controlados a través dunha plataforma software central de xestión de contidos. Cada panel disporá dunha ou varias pantallas de alta resolución e gran formato en función da súa finalidade. Este sistema de pantallas instalarase en diferentes puntos xeográficos do casco urbano (ambulatorio, praza da Igrexa, concello etc.) e das proximidades, e proporcionarán información de interese para o cidadán sobre todo tipo de cuestións como eventos, actividades, incidencias ou datos de asistencia ao tráfico e ao estacionamento.
O terceiro eixo de actuación dentro da iniciativa consistirá na posta en servizo dunha plataforma Smart City ou de “control de cidade” que funcionará como elemento central de xestión dos sistemas electrónicos anteriores (SIAE e SCD). Estará baseada nun modelo na nube conectado por rede cos diferentes equipos (paneis, cámaras...) e dende o que se poderán xestionar todos eles. “Esta plataforma constituirá o núcleo integrador do sistema Smart City, permitindo interconectar todos os seus compoñentes e dispoñer dunha visión única e unha xestión integrada”, engadiu o Concello.
Para rematar, habilitarase un sistema de comunicacións sen fíos Wi-Fi, co que se busca fornecer de conectividade aos sistemas e a plataforma de Cidade Intelixente e, ademais, servirá para dotar de conexión aberta e de alta velocidade diferentes instalacións municipais como o consistorio, a biblioteca, o Lalín Arena e o auditorio. O proxecto complementarase cun extra de seguridade de gran potencia e que operará baixo o sistema de devasa (firewall) para garantir a protección das comunicacións en todas as redes do Concello.

PUBLICIDADE