Lalín achega ás súas PEME ás ferramentas libres de cálculo e simulación

xoves, 3 de novembro do 2016 Redacción

Exterior da casa do concello de Lalín

O Concello de Lalín vén de presentar dous cursos sobre as ferramentas abertas Code_Aster e OpenFoam. Segundo fai saber o Goberno local, o obxectivo da formación dupla nestas aplicacións de software libre libre é “capacitar tecnoloxicamente ao persoal das empresas do concello permitíndolles realizar operacións de gran utilidade para o seu día a día, como simulacións, cálculo de estruturas ou dinámica de fluídos, entre outras operacións”. A achega formativa foi dada a coñecer os días pasados polo concelleiro de Novas Tecnoloxías, Tomás Vilariño, e por Raúl Trabazo (Tralos Engineering Service), que será o responsábel de impartir a formación na antiga sede da UNED. Cada curso ten vinte horas de duración.
Segundo fixeron saber, con estas actividades fornéceselles ás empresas locais unha oportunidade económica e accesíbel de acceder á simulación e ás ferramentas virtuais empresariais (cómpre lembrar que as devanditas ferramentas son ferramentas libres), xa que se optasen pola vía de adquirir software comercial o desembolso podería chegar a roldar os 30.000 euros. Nun plano máis detallado, coas aplicacións Code-Aster e OpenFoam as PEME de Lalín poderán facer prototipos virtuais dos seus produtos e compoñentes e saber cales son as condicións óptimas de deseño “sen ter que gastar cartos noutros prototipos, e cun custe cero en licencias de software”.
Os cursos impartiranse dende o 14 ao 26 de novembro (Code_Aster) e do 28 de novembro ao 11 de decembro (OpenFoam), no edificio de servizos múltiples sito no Polígono Lalín 2000 (antiga aula da UNED). Máis información está dispoñíbel no documento PDF específico do Concello.

PUBLICIDADE