La Casa del Libro tamén terá lector de libros electrónicos

xoves, 17 de novembro do 2011 Marcus Fernández

O eReader que vai comercializar en España a FNAC distinguirase do de La Casa del Libro pola cor do seu marco dereito

Os lectores de libros electrónicos parecen querer desembarcar con forza en España este Nadal, aínda que a estratexia que están a seguirse parece un tanto caótica, con cada grande libraría lanzando un eReader de seu para intentar replicar o éxito de Amazon co seu Kindle antes de que o xigante norteamericano estrea a súa plataforma dixital no noso territorio.
Outro detalle que está a ser especialmente rechamante é o feito de que parece que están a apostar polo mesmo hardware (agás El Corte Inglés, que por algo ten unha marca de electrónica de consumo de seu), pois hoxe La Casa del Libro estreou páxina web (que agora conta con elementos sociais e sección de segunda man) e aproveitou a ocasión para presentar o seu lector de libros electrónicos, o Tagus de bq, que curiosamente coincide en aparencia externa co lector de libros electrónicos que a FNAC permite reservar dende hoxe mesmo e que estará dispoñible a partires do 28 de novembro por 129 euros, mentres que o lector de La Casa del Libro poderá mercarse dende o 23 de novembro por 119 euros (incluíndo ata o 31 de xaneiro de 2012 unha copia do libro El imperio eres tú de Javier Moro).
Estamos ante dispositivos con pantalla táctil de 6 polgadas, 2 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD, batería de 1.530 mAh, porto micro USB, Wi-Fi, unhas medidas de 154 x 125 x 10,9 milímetros, un peso de 244 gramos e un prezo de 129 euros (que curiosamente estaba á venda por 169 euros como Movistar ebook bq). Agás cambios de última hora, estes lectores deberían incluír menús tanto en español como en galego.
Nesta aposta polo libro dixital La Casa del Libro lanza unha plataforma que inclúe libros na nube. accesible en liña e fóra de liña dende calquera navegador, dende smartphones e tablets e, por suposto, dende o seu eReader, permitindo incluso a compra de libros cun clic dende o propio lector dixital, evitando así o complexo funcionamento inicial da plataforma Libranda.

O Tagus fabricado por bq para La Casa del Libro

PUBLICIDADE