LGx15 xuntará máis de mil espectadores na Sala Capitol

luns, 10 de outubro do 2022 Marcus Fernández

LGx15, o espazo de reflexión sobre o futuro da lingua galega que aproveita a Rede para chegar ao amplo público, celebrará a súa xornada presencial o vindeiro 27 de outubro ás 18:00 na Sala Capitol de Santiago de Compostela, nunha xornada na que poderemos ver distintos relatorios cunha duración máxima de 15 minutos que estarán amenizados con música e humor para que a divulgación das ideas poida realizarse dun xeito ameno e divertido.
A xornada grávase en vídeo para a súa difusión posterior a través de YouTube, conseguindo así que os argumentos e experiencias que se transmitan no evento poderán chegar a un público maior que ao presente na Sala Capitol, buscando influír nas actitudes e conciencia lingüística e no futuro do galego.
A vindeira edición do LGx15 estará presentada por Lois Pérez, e contará coa presenza de relatores como Pedro González Boquete, Beatriz Busto Miramontes, Elsa Quintas Alborés e Guido Álvarez Parga, sendo especialmente salientables as intervencións da tanxugueira Olaia Maneiro, da divulgadora médica en redes sociais Fátima Barros, da creadora de contidos en liña en galego Prado Rúa (acompañada pola neofalante Fabiana Ambroa Ibárruri) e do enxeñeiro en Informática Isaac González, co fundador de Cilenis, Podgalego e Agora.gal, quen falará de Paradoxos, intelixencia artificial e estratexias para o presente.
Para poder acudir ao LGx15 cómpre facerse cun billete que pode adquirirse en liña por 6 euros ou por 10 euros no despacho de billetes da Sala Capitol o mesmo día do evento que nesta edición superará o milleiro de espectadores en directo.

O relatorio de Isaac González exporá os paradoxos que xorden da intelixencia artificial

PUBLICIDADE