LG presenta un televisor con pantalla OLED transparente

luns, 8 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Unha das novidades máis rechamantes que levou LG ao CES de Las Vegas e o novo LG Signature OLED T, un televisor que combina unha pantalla OLED 4K transparente e tecnoloxía de transmisión de audio e vídeo sen fíos, o que permite transformar a experiencia de pantalla dun xeito nunca visto antes.
Este novo televisor de 77 polgadas busca unha grande integración coa decoración do fogar, de xeito que practicamente sería invisible coa pantalla apagada, buscando así que a súa colocación non teña que estar ligada a unha parede, pois pode situarse en case calquera lugar ao que poida chegar unha toma de corrente eléctrica (pois para os sinais audiovisuais o que habería que colocar estratexicamente sería a caixa de conexións que serve de cerebro do televisor, e que comunicaríase sen cables coa pantalla).
Aparte de ter a pantalla apagada ou consumindo contidos ordinarios, tamén é posible convertela nun lenzo para amosar obras de arte e fotografías, ou incluso sorprender amosando efectos atmosféricos visuais que parecerían flotar no aire por mor da transparencia da pantalla. Outra opción interesante sería amosar información só na parte interior da pantalla (con novas, información meteorolóxica...) mentres que o resto do panel mantén a transparencia.