LG presenta un televisor OLED que pode curvarse

mércores, 31 de agosto do 2022 Marcus Fernández

Cunha clara orientación ao seu uso en videoxogos LG presenta o televisor LG OLED Flex (modelo LX3), que presume de ter a primeira pantalla OLED de 42 polgadas que pode encartarse, buscando así servir tanto para ver a televisión como para gozar de xogos para PC, consola e a nube, coa posibilidade de que o usuario poida gozar desa pantalla en formato plano ou cunha curvatura 900R para gozar dunha experiencia máis inmersiva.
Esta pantalla con tecnoloxía OLED ofrece unha calidade de imaxe excepcional, cun negros profundos, unhas cores precisas, unha velocidade de resposta de 0,1 milisegundos e reducido retardo de entrada, de xeito que resulta apta para os xogadores máis esixentes. Tamén contra cun recubrimento anti-reflexos, evitando así as distraccións visuais.
Sobre a curvatura da pantalla, esta pode axustarse co seu mando a distancia en chanzos do 5%, ou sexa, con 20 niveis. Tamén pode axustarse en inclinación e altura, adaptándose así a distintas posicións e posturas do usuario.
Como curiosidade conta cunha opción que permite axustar o tamaño da imaxe en pantalla, ou sexa, que permite que o seu panel de 42 polgadas se comporte como unha pantalla de 32 ou 27 polgadas no caso de que un xogador prefira ver a imaxe nun tamaño reducido para poder ver toda a acción dun título en completo cunha ollada.
O LG OLED Flex LX3 tamén conta con son Dolby Atmos a través dos seus 2 altofalantes frontais de 40 watts, modo Multi View (que permite presentar simultaneamente 2 fontes de vídeo, podendo seleccionarse a fonte sonora) e tamén integra un micrófono que pode aproveitarse por parte de dispositivos conectados por USB. Os xogadores agradecerán especialmente que conte con resolución 4K cun refresco de 120 Hz e as últimas características do HDMI 1.2 como VRR ou ALLM, polo que é unha pantalla ideal para ordenadores gaming e consolas de nova xeración.

PUBLICIDADE