LG presenta un monitor 3D sen lentes con seguimento de ollos

xoves, 14 de xullo do 2011 Marcus Fernández

LG Electronics presentou en Corea do Sur o primeiro monitor 3D sen lentes que utiliza tecnoloxía se seguimento de ollos para manter unha imaxe estereoscópica óptima dende distintos ángulos de visión. O LG D2000 ten unha pantalla de 20 polgadas e resulta válido tanto para a reprodución de películas, imaxes e videoxogos cun grande realismo. A súa resolución de pantalla é de 1.600 x 900 píxeles, ten unha luminosidade de 250 cd/m2 (en 2D), unha relación de contraste dinámico de 5.000.000:1, uns ángulos de visión (en 2D) de 170 e 160 graos e unha velocidade de refresco de 5 milisegundos.
As pantallas 3D sen lentes precisan de que o espectador se sitúe nunha posición determinada para poder percibir a profundidade das imaxes, pero grazas á tecnoloxía de seguimento de ollos soluciónase tal limitación, e permítese un maior ángulo de visión en 3D.
O LG D2000 porase á venda este mes en Corea do Sur a uns 1,29 millóns de wons (861,41 euros) e chegará ao resto do mundo nos vindeiros meses.

PUBLICIDADE